Samsung presenta os seus novos móbiles e tabletas insignia

mércores, 9 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Samsung presentou esta tarde os seus novos móbiles insignia, a nova familia Galaxy S22, que chega acompañada por tabletas Galaxy Tab S8, que sorprenden pola súa grande potencia e tamaño. Eses produtos poden reservarse dende hoxe mesmo a través de promocións que inclúen descontos e agasallos, así como a posibilidade de canalizar as compras a través de plans renove e renting.
Os móbiles de referencia da marca surcoreana serían os Galaxy S22 e S22+, que chegan con pantallas AMOLED Full HD+ de 6,1 e 6,6 polgadas respectivamente, diferenciándose tamén no que a capacidade de batería se refire (3.700 mAh e 4.500 mAh) e velocidade de carga rápida (25 e 45 watts). Chegan con 8 GB de RAM e os seus prezos parten dos 859 e 1.059 euros para os modelos con 128 GB de almacenamento interno, incrementándose o prezo en 50 euros para os modelos con 256 GB de capacidade.
A nivel de cámara contan cunha cámara traseira tripla, cun ultra grande angular de 12 Mpíxeles, unha cámara principal de 50 Mpíxeles e un teleobxectivo 3x de 10 Mpíxeles; mentres que a cámara frontal é de 10 Mpíxeles.
O resto de características son as propias desta gama de produtos de Samsung, de xeito que gozan de conectividade 5G, NFC, Bluetooth 5.2, resistencia á auga e ao po, carga sen fíos (e carga inversa) e no caso do S22+ incluso conta con conectividade Wi-Fi 6E.
Estarán dispoñibles en España a partir do vindeiro 11 de marzo.

O Galaxy Note reinvéntase

Máis rechamante é o Galaxy S22 Ultra, que non só é o móbil máis potente desta familia, senón que desta volta incorpora unha pantalla AMOLED de 6,8 polgadas con resolución Quad HD+ con bordes lixeiramente curvos e integración de S Pen, ou sexa, que vén a ser o herdeiro dos Galaxy Note, de xeito que esta familia pasaría a renovarse na primeira metade do ano para deixar a segunda metade do ano para os móbiles con pantalla encartable.
Este impresionante móbil está equipado cun procesador de 4 nm, 8/12 GB de RAM, entre 128 GB e 1 TB de almacenamento interno, batería de 5.000 mAh con carga rápida de 45 watts mediante cable e 15 watts sen fíos, 5G, NFC, Bluetooth 5.2, Wi-Fi 6 e resistencia ao po e a auga.
A cámara frontal do Galaxy S22 Ultra é de 40 Mpíxeles, pero resulta aínda máis rechamante a súa cámara traseira, que integra 4 obxectivos: un ultra grande angular de 12 Mpíxeles, unha cámara principal de 108 Mpíxeles, un teleobxectivo de 3x de 10 Mpíxeles e un teleobxectivo de 10x de 10 Mpíxeles.
O seu prezo parte dos 1.259 euros para o modelo con 128 GB de almacenamento e chega até os 1.659 euros para o modelo con 1 TB de capacidade de almacenamento interno. Chegarán ás tendas a partir do 25 de febreiro.

Novas tabletas Galaxy Tab S8

Que as tabletas Galaxy Tab S8 tamén chegue en 3 tamaños distintos foi toda unha sorpresa, pois as Galaxy Tab S8, S8+ e S8 Ultra teñen pantallas de 11, 12,4 e 14,6 polgadas respectivamente, contando os dous modelos superiores con paneis AMOLED cun refresco de 120 Hz, polo que serían uns produtos sen rival na súa gama.
Tamén contan cun potente procesador de 4 nm, 8/12 GB de RAM nos modelos básicos (o Ultra tamén ten versión con 16 GB de RAM), 128/256 de almacenamento interno (o Ultra pote adquirise tamén con 512 GB), boas cámaras (cámaras traseiras de 13 e 6 Mpíxeles e cámara frontal de 12 Mpíxeles, que no modelo Ultra chega con dous angulares diferentes), baterías xenerosas (de 8.000, 10.090 e 11.200 mAh en función do seu tamaño) con carga rápida de 45 watts, 3 micrófonos, altofalantes Quad Stereo con son AKG e compatibilidade con Dolby Atmos, S Pen, lector de impresións dixitais (no lateral no modelo básico e en pantalla no resto) e a dispoñibilidade de accesorios como a funda teclado que facilita converter a tableta nun ordenador portátil.
Estamos ante tabletas moi completas, que parecen destinadas a competir cos iPad Pro de Apple, e que teñen un prezo de partida de 749 euros para o modelo básico con conectividade Wi-Fi e 128 GB de almacenamento e chega até os 1.599 euros do modelo Ultra con conectividade 5G e 512 GB de almacenamento. Chegarán ás tendas a partir do 25 de febreiro.

JPEG - 142.9 KB
Con S Pen e a posibilidade de empregar unha funda-teclado, as novas tabletas Galaxy Tab S8 resultan moi versátiles

PUBLICIDADE