Samsung presenta pantallas transparentes e de espello con tecnoloxía OLED

mércores, 10 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Samsung Display está a presentar esta semana no Centro de Mostras e Convencións de Hong Kong os primeiros paneis OLED transparentes e de espello, que buscan revolucionar os establecementos comerciais e os puntos de información, xa que permitirían amosar información ao público dun xeito moi atractivo e rechamante, que sabe captar a atención do consumidor.
Unha das propostas de Samsung consiste en integrar a súa nova tecnoloxía OLED en espellos que tamén conten coa tecnoloxía Intel Real Sense, o que permitiría que nun vestidor puidese representar roupas sobre o consumidor dun xeito moi realista, idea que se ten presentado en numerosas ocasións, pero que deste xeito promete unha experiencia de grande calidade, mudando o xeito no que os clientes poden interactuar co catálogo dunha tenda.
Aínda que actualmente esteamos a falar de tecnoloxías cun prezo moi elevado que só estaría destinada a usos profesionales, dende Samsung agardan que no futuro poidan integrarse no fogar, de xeito que poderían substituírse os espellos da casa para poder achegar información nos lugares onde habitualmente se colocan espellos.
Actualmente xa hai pantallas LCD integradas en espellos, pero cos novos paneis OLED conséguese unha reflectacia que superaría como mínimo un 50% (podendo superar incluso o 75% nalgúns casos) conseguindo incluso unha boa representación da cor, unha excelente relación de contraste e un tempo de resposta moi rápido.
No caso das pantallas transparentes, a tecnoloxía OLED tamén supón un incremento substancial fronte a paneis LCD ordinarios, con mellor representación da cor, un mellor ángulo de visión e incluso un maior nivel de transparencia, deixando claro que o cambio de tecnoloxía neste tipo de pantallas supón claras vantaxes que, sumadas ás novas tecnoloxías de imaxe, fan posibles solucións que até hai pouco parecían propias das películas de ciencia ficción.

PUBLICIDADE