Samsung presenta un mando a distancia que colle a carga das ondas de radio

luns, 3 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

As compañías tecnolóxicas reservan algunhas novidades para a semana do CES de Las Vegas, e no caso de Samsung, entre as novas liñas de televisores sorprendeu presentando cunha revisión do seu mando a distancia Eco Remote, que presumía de coidar o medio ambiente ao integrar carga solar, que desta volta resulta moito máis práctico, xa que é capaz de recoller ondas de radiofrecuencia e convertelas en enerxía, ou sexa, que aproveita as emisións de trebellos como os nosos routers Wi-Fi e así pode conservar a súa carga.
O aproveitamento da radiofrecuencia para conseguir enerxía non é capaz de recoller grandes capacidades de carga, de aí que sexa unha tecnoloxía axeitada para os mandos a distancia, que teñen un consumo moi reducido, e con esta xogada evítase o desperdicio de baterías AAA.
Este mando a distancia tamén pode cargarse coa luz (solar e interior) e por USB-C, de xeito que son varias as súas posibilidades para manter unha boa autonomía, e pode empregarse nos televisores de Samsung lanzados ao longo de 2021.

PUBLICIDADE