Samsung presenta un novo smartphone reforzado de tamaño compacto

venres, 5 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Para traballos sobre o terreo ou en contornos industriais Samsung vén de pór á venda o novo smartphone Galaxy XCover 5, deseñado para impulsar a produtividade no negocio móbil á vez que conta con resistencia para soportar posibles accidentes. Cómpre salientar que este terminal non só ten unha pantalla táctil cunha sensibilidade tal que incluso permite o seu uso con luvas, senón que tamén conta cunha prestación moi demandada por parte de traballadores sobre o terreo: batería extraíble.
O Galaxy XCover 5 pode resistir caídas de até 1,5 metros grazas á súa tecnoloxía de absorción de impactos mellorada, mentres que a súa resistencia ao po e á auga IP68 permitiría que o teléfono sobrevivise a unha inmersión na auga a máis dun metro de profundidade durante máis de 30 minutos.
Ao ser un produto orientado o público profesional tamén inclúe Samsung Knox, plataforma de seguridade de Samsung que ofrece protección de extremo a extremo con seguridade integrada en cada capa do dispositivo, dende o chip até as aplicacións, de xeito que a información empresarial confidencial está protexida en tempo real e responde de xeito preventivo a numerosas ameazas.
No que respecta ás súas especificacións, falamos dun smartphone con pantalla HD+ de 5,3 polgadas (o que supón un tamaño bastante compacto, o que non é moi habitual en dispositivos deste tipo), que funciona cun procesador Exynos 850, 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, e que está equipado cunha cámara traseira de 16 Mpíxeles, cámara frontal de 5 Mpíxeles, NFC e unha batería de 3.000 mAh que, aparte de poder extraerse, tamén soporta carga rápida de 15 watts. As dimensións deste terminal son de 147 x 71,6 x 9,2 milímetros, polo que sería lixeiramente máis compacto que un smartphone medio, o que sorprende ao estarmos ante un equipo reforzado para soportar agresións externas.

PUBLICIDADE