Samsung presenta un sensor de imaxe de 200 Mpíxeles para móbiles

xoves, 2 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Samsun presentou novos sensores de imaxe que facilitarán a captura de fotografías e vídeo con grande resolución e nitidez, destacando especialmente o feito de que o sensor Isocell HP1 é o primeiro sensor de imaxe de 200 Mpíxeles con píxeles de 0,64 micrómetros, mentres que o Isocell GN5 adopta a tecnoloxía Dual Pixel Pro de enfoque omnidireccional con 2 fotodíodos nun único píxel de 1 micrómetro.
Deste xeito temos que o Isocell HP1 ofrecería unha resolución impresionante nun tamaño moi cativo, de xeito que podería incluírse en dispositivos móbiles, e a súa elevada resolución chega coa nova tecnoloxía ChameleonCell de agrupación de píxeles, que en condicións de baixa luz pasaría a comportarse como un sensor de 12,5 Mpíxeles de 2,56 micropíxeles (fusionando 16 píxeles veciños), mentres que en situacións de alta luminosidade podería aproveitar a súa ultra alta definición.
A nivel de vídeo, este sensor permitiría gravar a 8K e 30 imaxes por segundo, para o que reduce a súa resolución fusionando os píxeles de catro en catro para reducir a súa resolución a 50 Mpíxeles (8.192 x 6.144 píxeles, resolución moi próxima aos 7.680 x 4.320 píxeles do 8K).
Por outra banda, o Isocell GN5 aposta polo píxel de 1 micrómetro e a tecnoloxía Dual Pixel Pro, que facilita un enfoque automático omnidireccional, conseguindo imaxes moi nítidas. Tamén aplica a tecnoloxía Front Deep Trench Isolation de Samsung, que permite que cada fotodíodo absorba e reteña máis información lumínica.
Unha boa opción para móbiles que en vez de apostar polas resolucións elevadas prefiren incrementar o tamaño do sensor para mellorar a calidade das imaxes captadas.
Ambos sensores xa poden probarse por parte dos fabricantes, polo que en poucos meses verémolos en dispositivos comerciais, como poderían ser os móbiles insignia de Samsung que presenten a primeiros de 2022.

PUBLICIDADE