Samsung presenta unha pantalla cadrada e outra transparente

luns, 27 de agosto do 2012 Marcus Fernández

As pantallas transparentes de Samsung poden ter aplicacións comerciais moi atractivas

Buscando innovar no sector das pantallas, Samsung Electronics anunciou a pantalla LED UD22B con formato cadrado (1:1) e a pantalla transparente NL22B, que non están destinados ao mercado de consumo, senón a usos profesionais que poden resultar moi atractivos, e que poderán verse en vivo nos vindeiros días en Berlín durante a feira IFA.
A pantalla LED UD22B é unha interesante opción para construír videowalls, por chegar cunha proporción 1:1, cunha diagonal de 21,6 polgadas e cun marco de só 5,5 milímetros, que facilitan repartir un único sinal de vídeo entre ata 100 pantallas, coa vantaxe de non ter que limitarse a disposicións rectangulares, senón que facilita unha composición máis creativa.
Por outra banda, a pantalla transparente NL22B chega en formato panorámico cunha diagonal de 22 polgadas, que estará dispoñible de xeito integrado nun moble expositor que serve para amosar produtos dun xeito moi atractivo, con imaxes e animacións que impresionen a quen pase por diante.

As novas pantallas cadradas de Samsung poden interconectarse realizando composicións creativas


A pantalla transparente de Samsung vista en vivo

PUBLICIDADE