Samsung presenta unidades SSD externas de até 8TB de capacidade

martes, 14 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Samsung presentou hoxe a súa unidade de estado sólido (SSD) portátil e lixeira T5 EVO, que cun tamaño de até 8 TB convértese na de maior capacidade do mercado. Esta unidade USB 3.2 Gen 1 transfire datos até 3,8 veces máis rápido que os discos duros externos e ofrece o máximo rendemento mediante velocidade velocidades de lectura e escritura secuenciais de até 460 MB/s, o que facilita a transferencia de arquivos de grande tamaño.
As unidades Samsung T5 EVO, cun tamaño de 95 x 40 x 17 milímetros e un peso de 102 gramos, convértense nun dos xeitos máis prácticos e cómodos de poder levar enriba até 8 TB de datos, conseguindo dar unha sensación de robustez grazas ao seu deseño coidado (e o mero feito de que os SSD carecen de partes móbiles, polo que non son tan fráxiles como os discos duros tradicionais).
As novas unidades contan coa tecnoloxía Dynamic Thermal Guard de Samsung, que protexe o seu funcionamento contra o sobrequecemento, son compatibles co cifrado de datos por hardware AES de 256 bits, e comercialízanse a partir de hoxe en tamaños de 2, 4 e 8 TB.