Samsung renova os seus móbiles encartables

mércores, 11 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Samsung presentou finalmente os seus novos móbiles encartables, que supoñen un importante paso na consolidación nesta categoría de produto na que a compañía surcoreana está a converterse no único axente de peso no mercado, contrastando co panorama que se prevía para 2020, que estaba chamado a ser o ano dos encartables, pero a realidade demostrou que esta tecnoloxía precisaba de maior tempo de maduración.
No caso do Samsung Galaxy Z Fold3 5G as novidades son bastante evidentes, xa que incorpora resistencia IPX8, oculta a súa cámara frontal baixo a pantalla encartable (a menos utilizada do dispositivo, polo que pode permitirse arriscar neste aspecto) e soporta unha versión especial do S Pen, convertendo o Z Fold3 no que para moitos sería o Note ideal.
A nivel de especificacións, falamos dun móbil cunha pantalla principal Dynamic AMOLED 2X de 7,6 polgadas cunha velocidade de refresco adaptable de 120 Hz; cunha pantalla externa Dynamic AMOLED 2X de 6,2 polgadas cun refresco adaptable de 120 Hz; con cámara traseira tripla con sensores de 12 Mpíxeles e distintos angulares (incorporando estabilización óptica no teleobxectivo), cámara frontal na pantalla externa de 10 Mpíxeles e unha curiosa cámara frontal de 4 Mpíxeles na pantalla principal (que semella pensada simplemente para poder realizar videoconferencias, xa que para disparar fotografías permite empregar a cámara traseira); 12 GB de RAM e 256/512 GB de almacenamento interno UFS 3.1; e batería de 4.400 mAh con carga rápida con ou sen cable e carga inversa sen fíos de 4,5 watts.
Pola súa banda, o Samsung Galaxy Z Flip3 5G tamén incorpora resistencia IPX8 e incrementa o tamaño da súa pantalla externa para dotala de máis capacidades interactivas, de xeito que non é preciso abrir o teléfono para atender notificacións, controlar a reprodución multimedia ou incluso disparar selfies.
En ambos móbiles mellorouse substancialmente a bisagra, que cada vez pon máis difícil que se coe po e outras partículas no seu interior, e soporta 200.000 pregues, e tamén achega experiencias innovadoras grazas ao modo Flex nos que as aplicacións poden interpretar a pantalla dobrada como dúas pantallas separadas.
As especificacións do Galaxy Z Flip3 5G son máis discretas que as do seu irmán maior, cunha pantalla principal Full HD+ Dynamic AMOLED 2X de 6,7 polgadas cun orificio para unha cámara de selfies de 10 Mpíxeles; a cámara traseira dual ten sensores principal e ultra grande angular de 12 Mpíxeles xunto a unha pantalla Super AMOLED de 1,9 polgadas cunha resolución de 512 x 260 píxeles; 8 GB de RAM e 128/256 GB de almacenamento interno UFS 3.1; e batería de 3.300 mAh con carga rápida de 15 watts con cable, 10 watts sen fíos e carga inversa sen fíos de 4,5 watts.
O Galaxy Z Fold3 5G chegará ás tendas o 27 de agosto a un prezo que parte dos 1.809 euros, mentres que o Galaxy Z Flip3 5G parte dos 1.059 euros, de xeito que ambos móbiles son lixeiramente máis competitivos que a súa versión anterior. Estes móbiles poden reservarse dende hoxe, quen os adquira anticipadamente recibirán un ano de protección Samsung Care+, que cubre danos accidentais, incluíndo a substitución da pantalla frontal.

Vídeo promocional dos novos encartables de Samsung

PUBLICIDADE