Samsung xa ten paneis OLED flexibles practicamente irrompibles
venres, 27 de xullo do 2018
Os dispositivos de electrónica de consumo poderán adoptar
novos formatos nos vindeiros anos, grazas en boa medida aos avances nas
tecnoloxías das súas pantallas, entre os que destacan as pantallas flexibles,
que conseguen que os trebellos electrónicos non teñan que ter formatos planos.
Nesta liña Samsung
Display anunciou un panel para smartphones que definen como irrompible, que vén de superar as probas
de certificación oficial nos EE.UU., de xeito que nos vindeiros meses
poderemos velas non só en móbiles, senón tamén en tabletas, consolas
portátiles, pantallas en automóbiles e moitos outros produtos de electrónica de
consumo.
Estas novas pantallas serían basicamente un panel OLED flexible cun substrato
irrompible, ou sexa, que sería unha evolución das actuais pantallas flexibles
de Samsung, que en vez de estar cubertas por un cristal que pode rachar nunha
caída, é practicamente irrompible no noso día a día, o que sería unha
importante vantaxe, especialmente en produtos que poidan precisar de certa
resistencia (como traballos en contornos industriais e militares, ou incluso
para usos por cativos nas escolas).
Estas pantallas superaron sucesións de 26 caídas sobre o chan a unha altura de
1,2 metros e probas a temperaturas extremas, sen presentar danos e mantendo as
súas funcionalidades intactas, co que garantiron a súa certificación de grao
militar, e mesmo superou estas esixencias, ao someterse a probas de caída a
unha altura de 1,8 metros sen presentar danos.