Samurai Shodown actualizarase a Xbox Series X|S

venres, 15 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

En 2019 SNK decidiu reiniciar a saga de Samurai Shodown nacida en 1993 e que tanto éxito tivo no seu día en salóns recreativos, e este xogo que chegou inicialmente a PS4 e Xbox One, para estrea logo versións para Nintendo Switch e Stadia, non só está vivo incorporando novos loitadores periodicamente, senón que tamén está a adaptarse ás novas máquinas, e agora anuncian que o vindeiro 16 de marzo van estrear versión para Xbox Series X|S, con animacións a 120 imaxes por segundo e compatible con Smart Delivery, ou sexa, que quen mercase o título para Xbox One non terá que volver pasar por caixa para gozar da versión renovada.
Esta saga de combates estivo máis dunha década sen recibir novas entregas, de aí que a súa recuperación fose moi ben recibida polos amantes dos xogos de loita, que agora vén como SNK resístese a que volva acontecer o mesmo e moléstase en rexuvenecer o título para que estea á altura da nova xeración de consolas e así poida manterse vivo durante moitos anos máis. Queda agora por ver se Samurai Shodown tamén contará con versión para PlayStation 5 nos vindeiros meses, algo que parece bastante probable ao estarmos ante un produto que continúa a recibir contidos (de feito, é precisamente no mes de marzo cando lanzarán o seu terceiro pase de tempada).

Tráiler da versión para Xbox Series X|S de Samurai Shodown

PUBLICIDADE