SanDisk mellora a pantalla dos seus reprodutores musicais portátiles compactos

luns, 29 de agosto do 2011 Marcus Fernández

O Sansa Clip Zip amosa na súa pantalla de 1,1 polgadas a portada dos álbums que estamos a escoitar, o que supón unha importante mellora con respecto dos anteriores reprodutores compactos de SanDisk

O fabricante de memorias flash SanDisk leva un tempo comercializando distintos reprodutores multimedia bastante económicos e prácticos, e agora amplía a súa familia de reprodutores de pequeno tamaño co Sansa Clip Zip, que chega nun tamaño moi compacto, e coa novidade de incorporar unha pantalla LCD de cor de 1,1 polgadas (mellorando un 83% a área de visionado dos seus predecesores) na que podemos ver as portadas dos álbums musicais que estamos a escoitar.
O reprodutor mide 57 x 36 x 15 miímetros, pesa 15,8 gramos, conta cunha batería cunha autonomía de 15 horas, 4/8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante microSDHC de ata 32 Gb, é compatible con multitude de formatos (MP3, WMA, WAV, FLAC, AAC...) e está dispoñible en multitude de cores (laranxa, vermello, gris, negro, branco, granate e azul).
A súa versión de 4 Gb está á venda nos EE.UU. a 49,99 dólares, mentres que o modelo de 8 Gb ten un prezo de 69,99 dólares, estando previsto o seu lanzamento europeo no mes de setembro.


Un dos vídeos promocionais dos Sansa Clip Zip

PUBLICIDADE