SanDisk presenta novas unidades USB 3.1 con conectores tipo A e C

venres, 3 de xuño do 2016 Marcus Fernández

SanDisk, empresa recentemente adquirida pola corporación Western Digital, anunciou a ampliación da súa familia de unidades de almacenamento orientadas a dispositivos móbiles coa nova unidade SanDisk Ultra Dual Drive USB Type-C, ou sexa, unha nova unidade USB que ofrece un deseño retráctil, grandes velocidades de transferencia, alta capacidade de almacenamento e a posibilidade de conectarse a equipos informáticos e aos novos trebellos con portos USB-C.
As novas unidades estarán dispoñibles en capacidade de 16, 32, 64 e 128 GB a prezos de 11,99, 15,99, 21,99 e 36,99 euros respectivamente, estando previsto que cheguen a España o vindeiro 25 de xuño; e a súa principal característica é que integran tanto un porto USB-C como un ordinario USB-A, soportando velocidades propias do USB 3.1, de xeito que pode chegar até os 150 Mbytes por segundo.
SanDisk tamén achega a aplicación SanDisk Memory Zone para Android, que facilita o uso destas unidades de memoria para adminitrar e facer copias de seguridade do noso smartphone ou tableta. Estas unidades resultan moi prácticas para transferir a grande velocidade ficheiros entre ordenadores persoais e dispositivos móbiles.

Vídeo promocional das novas unidades de SanDisk

PUBLICIDADE