Satdata deu conta da súa tecnoloxía na feira Expo Seguridade México

martes, 26 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa galega Satdata, con sede principal na Coruña, participou a mediados do mes de abril nun encontro internacional sobre novas tendencias e tecnoloxías ao servizo da vixilancia e a seguridade. Estamos a falar da xuntanza Expo Seguridade México, unha das grandes citas mundiais de empresarios e profesionais do eido da protección persoal e laboral e que se celebrou entre o 13 e o 14 de abril na capital do país centroamericano. Satdata, que acudiu ao abeiro do Programa de Iniciación á Promoción Exterior (xunto con oito empresas máis), tivo oportunidade de establecer contactos con outras empresas con vistas a futuras colaboracións e intercambio de experiencias.
Segundo conta Satdata na súa páxina web, este achegamento ao outros representantes internacionais do sector contou co asesoramento de diversas asociacións mexicanas: a Asociación Mexicana da Industria de Tecnoloxías da Información, a Asociación Nacional de Distribuidores de Tecnoloxía Informática e Comunicacións (ANADIC), PROSOFTWARE, a Asociación Nacional de Empresas de Rastrexo e Control Vehicular (ANERPV) e máis o Consello Nacional de Seguridade Privada (CNSP).
Os encontros co sector, entre outras cousas, puxeron de manifesto as importantes oportunidades de negocio que existen arestora en México no terreo da seguridade e no control, un sector no que a empresa galega ten unha experiencia ben longa, tanto no terreo do control tecnolóxico das emerxencias como no deseño de recursos innovadores para a supervisión e localización de efectivos móbiles. A maiores do devandito, Sadtada participou en visitas guiadas pola mostra feiral, itinerarios que contaron coa presenza de George Fletcher, director de desenvolvemento de Negocio de Expo Seguridade, e con Miguel Arreola, representante do departamento de Vendas para México e Latinoamérica do encontro profesional, unha xuntanza que pasa por ser a máis importante do seu eido en América Latina e que conta cunha media de 13.000 visitantes e 300 expositores.

PUBLICIDADE