Satdata presenta unha ferramenta que integra tódolos procesos das empresas de transporte

venres, 11 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

A empresa galega Satdata Telecom presentou en Madrid un novo software encamiñado directamente a facilitar tódolos procesos empresariais das compañías de transportes, non só os traballos relativos ao control de flotas, senón tamén o que se englobaría dentro da xestión administrativa e dos datos da organización. A ferramenta, que foi presentada de xeito conxunto coa firma Spyro, chega ao mercado coa seguinte denominación: 2flot. Diríxese sobre todo a operadores loxísticos e é froito de meses de traballo conxunto entre ámbalas dúas firmas (2.000 horas de I+D), Satdata achegando a súa experiencia na implantación de solucións e ferramentas (400 empresas en carteira, e máis de 15.000 vehículos tratados) e Spyro poñendo en xogo a súa bagaxe co software de xestión empresarial propio de seu e específico para o eido do transporte.
A solución, que xa foi presentada perante medio centenar de firmas do sector (xerando un gran interese), “foi instalada con éxito nun operador loxístico”, informaron os responsables da plataforma. E continúan, afondando nas súas vantaxes: “Coa nova plataforma é posible que tódolos usuarios da empresa de transporte poidan dispor no intre e en tempo real da información de xestión empresarial e de tráfico, para que cada un deles sexa quen de visualizala e tratala atendendo ás necesidades que precise o seu posto de traballo”. Grazas a esta posibilidade, a ferramenta ten capacidade de diminuír con moito a marxe de erros. Coa implantación deste recurso, engaden, a información é creada unha soa vez, e a partires de aí, flúe no proceso administrativo atravesando tódalas fases necesarias, dende a alta de pedidos ou servizos até a confirmación de chegada do envío ou a xestión de cobros. Estas son algunhas das súas funcionalidades principais:
Módulo Administrativo
Alta de servizo (Control de orixe/destino).
Configuración de prezos (diferentes criterios).
Documentación e contratos.
Planificación con recursos propios e/o subcontratados.
Creación de ordes de carga de maneira automática.
Recepción de alarmas no caso de que se poda producir un incumprimento.
Facturación automática e rápida.
Información polo miúdo de cada un dos servizos (inicio-fin).
Xestión de Carteira (Cobros – Pagos – Impagados- Remesas).
Módulo Tráfico
Control en tempo real dos tempos de Tacógrafo Dixital.
Asignación de servizos baseado nas horas dispoñibles por chofer.
Seguimento de vehículos, control de zonas, rutas, alarmas, entregas, recollidas.
Control dos consumos reais e axuda á condución eficaz.
Uso de formularios polo chofer cos datos de los servizos a realizar.

PUBLICIDADE