Scott Pilgrim e Shank estréanse coma 2 xogos con aire retro

mércores, 25 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Os xogos descargables están a devolver á súa gloria aos títulos en dúas dimensións, coma demostran as 2 novidades que chegan hoxe ao Bazar de Xbox LIVE, e que son Scott Pilgrim The Game e Shank. O primeiro é un beat’em up ao máis puro estilo dos xogos de 8 bits de finais dos anos 80 que xa chegou á PlayStation Network hai 2 semanas e que consiste na derrota dos 7 malvados ex mozos de Ramona Powers por parte do noso heroe (aínda que neste título non só poderemos controlar a Scott, senón que tamén é posible utilizar a Ramona, Stephen e Kim) e, aínda que estamos ante un xogo comercializado ao acubillo dunha estrea cinematográfica, en realidade está baseado no cómic que a orixinou (o que queda claro na súa aparencia gráfica). A súa banda sonora tamén busca recuperar o estilo dos xogos de 8 bits con máis de 30 temas do grupo de chiptune ANAMANACUCHI. Está á venda por 800 puntos (9,6 euros) para Xbox 360 e 9,99 euros para PS3.
Shank pola súa banda é un xogo de acción en 2D cun estilo inspirado nos comics e cunha mecánica de beat’em up que destaca pola súa violencia, pois nesta aventura non faltan motoserras, pistolas dobres, coitelos… podendo xogarse tanto en modo historia coma en modo cooperativo, primando a xogabilidade sobre calquera outro elemento, sen temor a caer en tópicos do xénero. Está á venda por 9,99 euros na PlayStation Network, mentres que o seu prezo no Bazar de Xbox LIVE Arcade é de 1.200 puntos (14,4 euros).
Ambos xogos son excelentes para ocupar os momentos de lecer no verán, sen darlle moita importancia aos seus argumentos, pois ofrecen diversión pura, o que agradecerán especialmente os que no seu día gozasen da experiencia das máquinas recreativas e xogos coma Double Dragon ou Metal Slug.


Trailer do xogo de Scott Pilgrim na súa versión para PS3


Trailer da versión de PS3 de Shank

PUBLICIDADE