Seagate estrea un disco duro SATA 3 de 4 Tb con pratos de 1 Tb
xoves, 4 de abril do 2013
Aínda
que o mercado dos discos duros está a perder fulo fronte ás unidades SSD, para
usuarios que seguen a demandar unha alta capacidade de almacenamento seguen a
ser a opción ideal, e continuando na súa evolución Seagate anuncia a
comercialización do seu novo disco duro de 3,5 polgadas que aseguran que é o
primeiro do mundo en ter unha capacidade de 4 Tb en pratos de 1 Tb cada un.
Este novo disco duro respondería ao nome de Desktop HDD, que sería a marca que
collería o relevo da popular Barracuda.
Os novos Seagate
Desktop HDD veñen con 64 Mb de memoria caché, SATA 3 a 6 Gbps (compatible
coas versións anteriores de SATA a 3 e 1,5 Gbps) e aínda que na capacidade de 4
Tb a súa velocidade sexa de só 5.900 rpm (o que permítelle reducir o seu
consumo un 35%) consegue manter unha velocidade sostida de escritura duns 140
Mbytes/segundo.
As novas unidades de disco son válidas tanto para o seu uso en ordenadores de
sobremesa como en sistemas de almacenamento externos (como servidores NAS) e
incorporan o software DiskWizard que permite que poida empregarse en equipos
con Windows XP (como unidade secundaria), mentres que de quere empregar o disco
como unidade de inicio é preciso contar con Windows 7 ou superior e UEFI BIOS.
O
prezo do Seagate Desktop HDD de 4 Tb nos EE.UU. é duns 190 dólares, polo
que tamén destaca fronte aos seus competidores polo seu prezo axustado.