Seagate presenta un potente reprodutor multimedia de alta definición

mércores, 16 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Seagate anunciou o lanzamento do seu reprodutor multimedia FreeAgent Theater+, que permite levar os contidos do PC ou dun disco duro USB a un televisor. Este dispositivo de 175 x 179,83 x 29,97 milímetros pode conectarse á nosa rede doméstica por Ethernet (coa opción de conectar un adaptador Wi-Fi nun dos seus portos USB para dotar ao trebello de conectividade sen fíos) para reproducir contidos remotamente á vez que tamén conta cun espazo para conectar un disco duro externo FreeAgent Go (formatado en NTFS, FAT, FAT32 ou HFS+), e así poder reproducir os contidos almacenados no mesmo a través dunha sinxela interface de uso.
A saída de vídeo deste dispositivo é de alta definición a 1.080 liñas en progresivo con audio Dolby Digital, polo que é un excelente complemento para os televisores de alta definición. O FreeAgent Theater+ conta con saídas de vídeo composto, de compoñentes e HDMI 1.3, aínda que resulta máis rechamante o seu elevado soporte de formatos de vídeo, aceptando MPEG-1, MPEG-2 (VOB/ISO), MPEG-4 (DivX/Xvid), DivX HD, Xvid HD, AVI, MOV, MKV, RMVB, AVC HD, H.264, WMV9, VC-1, M2TS e TS/TP/M2T con soporte de subtítulos SAMI (smi), SRT e SUB, de audio en AAC, MP3, Dolby Digital, DTS, ASF, FLAC, WMA, LPCM, ADPCM, WAV e OGG, listaxes de reprodución M3U e PLS, e imaxes en JPEG, BMP, TIFF, GIF e PNG.
Este interesante dispositivo pode xa reservarse nos EE.UU., onde terá un prezo de 149,99 dólares (101,25 euros) aínda que tamén será posible mercalo conxuntamente unha unidade de disco externa FreeAgent Go de 500 GB por 289,99 dólares (196,39 euros).

PUBLICIDADE