Sedo.com abre este xoves a poxa máis concorrida da historia dos dominios españois

martes, 5 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

En cuestión de poxas de dominios da Rede en español, este xoves vindeiro semella o día D. De feito, a cifra de peticións presentadas para participar na actividade que está a organizar Sedo.com xa anda alén das 7.000, o que dá máis ou menos unha medida do que se xoga e como se xoga. Entre os dominios máis solicitados e que se agarda obteñan as cifras con máis números están por exemplo adelgazar.es, adosados.es, alarmas.es, agua.es, descargas.com ou gay.es. Segundo sinala a axencia Efe facéndose eco de fontes do sector, a poxa responde a dúas circunstancias ben concretas. Primeiro: ao espírito de adquirir unha propiedade coas mellores vistas e máis axeitado emprazamento está a espallarse pola Rede case nas mesmas condicións ca na vida non virtual. Segundo: ao medre en presenza e influenza da lingua castelá, de aí que a subhasta en cuestión sexa en exclusiva de nomes de dominios na devandita lingua, estando o mercado actual, con 400 millóns de hispano-falantes, en situación de dar o mellor de si en cuestión de Rede.
Sedo.com, plataforma de compravenda de dominios responsable de facilitar a saída de espazos como villas.com (por 305.000 euros), teno case todo da súa parte para esta operación: a cifra de dominios .es duplicouse en só 18 meses, indo alén da liña do millón en xuño de 2008. Por certo que para quen estea interesado en participar na poxa colectiva, dicirlle que ten unha semana para meterlle o dente a algún espazo en liña ben situado: a subhasta remata o 14 deste mes. A pregunta que se poden facer os internautas é: como lle afectará a esta operación concreta de compravenda a crise pola que están pasando todos os sectores con maior ou menor presenza na Rede?

PUBLICIDADE