Sentenza xudicial contra a importación de cartuchos piratas para a Nintendo DS

mércores, 27 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Os cartuchos de carga permiten reproducir videoxogos non adquiridos en soporte físico

A prensa estatal está a facer eco dunha información distribuída por Nintendo destacando que a compañía nipona de videoxogos está a aplaudir unha sentenza contra a importación de cartuchos de carga para as súas consolas portátiles, pero non podemos evitar matizar que están a ofrecer datos subxectivos sobre o asunto, omitindo detalles que permiten profundizar no tema para ver que o trunfalismo amosado non estaría xustificado.
Nintendo entende que a sentenza que vén de ratificar un Xulgado do Penal de Palma de Mallorca ratifica en sede xudicial que a distribución de módulos de carga ara consolas como os cartuchos R4 serían delito en España, por condenarse aos denunciados con 6 meses de cadea, unha multa e o pago de danos e prexuízos, incidindo moito no tema de que estamos ante unha sentenza firme, pero a omisión da nota de prensa de Nintendo é que estamos ante unha sentenza de conformidade, na que Conchi Navarro e Domingo Polo, propietarios do establecemento de Info-Coste en S’Escorxador (Palma) facían fronte a unha acusación que pedía 6 meses de cadea e 120.000 euros de sanción, pero aceptaron un acordo co que finalmente tería que pagar cada un 2.720 euros (720 en concepto de multa e 2.000 a Nintendo por danos), pondo fin ao que podería ser unha longa traxectoria xudicial, pois non podemos evitar comentar que ata o momento todos os casos semellantes remataron sobresidos por non considerarse ilegal a venda de dispositivos deste tipo (xa que non serven unicamente para reproducir software non orixinal, senón que teñen usos totalmente legais coma permitir a execución de aplicacións caseiras).
Ao parecer, Nintendo mudou de estratexia xudicial, e agora, en vez de atacar aos puntos de venda, recorre a perseguir a súa importación argumentando que os cartuchos de carga vulneran a súa propiedade intelectual ao empregar o deseño dos cartuchos orixinais das consolas portátiles de Nintendo (detalle do que non coñeceremos a súa legalidade ata que chegue a celebrarse un xuízo completo sobre o tema).

PUBLICIDADE