Shadow Complex confirma que os xogos descargables poden ser de alta calidade

mércores, 19 de agosto do 2009 Marcus Fernández

Que o estudo de Chair Entertainment (Epic Games) desenvolvese un xogo para Xbox LIVE Arcade xa é unha nova de por si, pero cando o xogo descargable é nada menos que unha excelente aventura de desprazamento lateral movida polo Unreal Engine 3, presentando uns gráficos tridimensionais de calidade pero conservando certa mecánica 2D, estamos a falar entón dun dos principais lanzamentos do ano para a Xbox 360, que deixa claro que Arcade non implica que falemos dun título menor.
Shadow Complex chegou finalmente hoxe ao Bazar de Xbox LIVE Arcade por 1.200 puntos (14,4 euros), contando tamén cunha versión de demostración de balde, e está considerado coma o mellor xogo recente para a consola de Microsoft (superando incluso a xogos en caixa) e do que finalmente podemos gozar. Este título recupera a estética de Metroid (con certas reminiscencias ao clásico Flashback e mesmo a Contra/Gryzor), e sitúanos nunha aventura (inspirada na novela Empire de Orson Scott) na que perseguimos o rescate da moza do protagonista (Claire) á vez que procuramos deter á Restauración (grupo terrorista que pretende dar un golpe de Estado nos EE.UU.) facendo uso de 17 potenciadores distintos, armas e outros 100 obxectos que servirán para infiltrarse nunha base secreta subterránea, na que derrotar tanto a simples soldados como a enormes inimigos finais.
Shadow Complex fora presentado na pasada edición do E3, e finalmente está a satisfacer as expectativas postas no mesmo, con acción, plataformas, exploracións e pequenos puzzles que solucionar, aínda que coas limitacións impostas polo tamaño que debe ocupar un xogo descargable que pode rematarse nunhas 5-10 horas.


Trailer de Shadow Complex

PUBLICIDADE