Shadow of the Colossus chega a PlayStation Plus

xoves, 27 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

A oferta de Xogos con Gold do mes de marzo é bastante boa, e incluía entre os seus títulos Sonic Generations, o que resulta bastante oportuno xa que actualmente está en cines un filme do ourizo azul de SEGA, pero agora resulta evidente que a coincidencia non foi azarosa, xa que nos xogos de PlayStation Plus de marzo anunciaron que estará Sonic Forces, outro xogo da franquía de Sonic, no que haberá que axudar ao ourizo a recrutar un exército para salvar ao planeta das poutas do caos e a destrución que provocaron o doutor Robotnik co seu novo e misterioso aliado Infinite. Neste xogo empregaremos a un Sonic moderno, en vez da versión máis gordiña que podemos ver nos primeiros títulos e na grande pantalla.
O outro grande xogo de PS Plus para o mes de marzo é todo un clásico, Shadow of the Colossus, no que hai que derrotar a 16 criaturas colosais repartidas por unha vasta paisaxe. Estes combates épicos saíron da mente de Fumito Ueda, e aínda que o xogo era orixinal da PlayStation 2, adaptouse primeiramente a PlayStation 3, incorporando gráficos en alta definición, aínda que a versión que finalmente chegaría a PlayStation 4 non só melloraba os gráficos unha vez máis, senón que tamén optimizaba o rendemento e actualizaba o sistema de control, para que este clásico poida gozarse dun xeito digno.
Adicionalmente tamén se incluirá o título de PS Talents Holfraine, un hero shooter multixogador no que poder botar partidas de 3 contra 3.

PUBLICIDADE