Shadowrun: Hong Kong supera os 1,2 millóns de dólares en Kickstarter

mércores, 18 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Tras o éxito de Shadowrun Returns e Shadowrun: Dragonfall- Director’s Cut, Rebrained Schemes quixo repetir a xogada con Shadowrun: Hong Kong, un xogo de rol táctil con ambientación cyberpunk situado no Hong Kong de 2056, nun mundo no que, aparte de tecnoloxía, tamén hai maxia, o que facilita a mestura de numerosos elementos fantásticos xunto cos habituais referentes culturais do inframundo hongkonés (poboado por distintas bandas criminais).
Este xogo sería un título na liña dos anteriores, de xeito que teriamos un forte argumento guiando a acción, con grandes personaxes con distintas personalidades, e un combate táctico por quendas realmente desafiante.
Estas fórmulas parecían máis que suficiente para garantir un bo xogo, pero dende o estudio responsable consideraron que precisaban dun orzamento superior ao que tiñan, e precisaban dun pequeno pulo para mellorar este título previsto para mediados de ano, e optaron por dar o salto a Kickstarter, para conseguir superar novos obxectivos que partían dos 100.000 dólares e que, grazas ao apoio masivo dos seus seareiros, conseguiron ir superando un a un, o que permitirá que o xogo final conte con numerosas melloras e contidos adicionais, controis mellorados e incluso unha nova campaña de 4-5 horas. Temos así que un título que perseguía recadar 100.000 dólares para poder mellorar o seu sistema de control, finalmente chegou aos 1,2 millóns de dólares, superando todas as expectativas, grazas ao apoio de 31.497 mecenas que facilitarán que antes de rematar o ano Shadowrun: Hong Kong vexa a luz como un xogo que non só estea a altura dos seus predecesores, senón que incluso supoña unha mellora substancial e que posiblemente consiga unha visibilidade bastante maior grazas ao éxito da súa campaña de micromecenado.

O novo xogo continuará o camiño marcado por Shadowrun: Dragonfall

PUBLICIDADE