Shopify POS converte o iPad nun TPV para tendas que tamén venden en liña

xoves, 29 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Hai pouco comentamos o soporte Square Stand, que facilita converter o iPad nun terminal de punto de venda (TPV), e vese que tal concepto está a resultar moi atractivo, polo que existen outras solucións semellantes como Shopify POS, que complementa accesorios físicos cunha aplicación de balde para o iPad que facilita os pagamentos (en efectivo e con tarxeta), os peches de caixa, envío de recibos por e-mail, o seguimento de clientes, os pagamentos parciais, as devolucións, o seu control por parte de varios vendedores e a utilización de accesorios como unha impresora de recibos, un caixón de cartos ou un lector de códigos de barras.
Esta solución destaca fronte a outras polo feito de que está enfocada a establecementos físicos que tamén vendan a través da Internet empregando a plataforma en liña de Shopify (empregada actualmente por máis de 60.000 establecementos), conseguindo así unha moi agradecida integración ao sincronizar produtos e pedidos.
A nivel de hardware, esta solución para tendas está composta por un soporte para o iPad, un caixón para o efectivo, un lector de tarxetas de crédito e unha impresora de recibos, que poden mercarse en varios lotes distintos, custando o máis completo 499 dólares (376,18 euros) polo que podemos entendelo como unha solución bastante asumible que incluso permite que, nun momento determinado, poida levarse o iPad pola tenda para poder realizar un cobro con tarxeta sen que o cliente teña que achegarse ao mostrador.
Polo momento a implantación global de Shopify é bastante limitada, de xeito que o único país europeo no que ten presenza é Reino Unido, polo que non sería de estrañar que nos vindeiros meses vexamos servizos semellantes de empresas locais que queiran emular o seu modelo de negocio.

O lote de hardware de Shopify POS está composto por soporte, caixa para os cartos, impresora e lector de tarxetas.


Vídeo promocional de Shopify POS

PUBLICIDADE