SimCity presenta problemas no seu lanzamento europeo

venres, 8 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Despois dunha estrea moi accidentada do xogo SimCity nos EE.UU., esperábase que o desembarco europeo fose mellor, o que non foi posible, aínda que lograron estabilizar parcialmente os servidores que teñen que atender os millóns de peticións de usuarios que queren gozar deste xogo que fai un uso intensivo da conexión á Internet, sen que os servidores de Electronic Arts estean preparados para tal volume de accesos. Intentaron paliar a situación desactivando numerosas funcionalidades do xogo, o que non está a chegar para normalizar o seu funcionamento, levando a reaccións como a de Amazon, que decidiu deixar de vender temporalmente o xogo como descarga dixitail.
Lucy Bradshaw, vice presidenta senior de Maxis, estudo detrás do xogo, asegura que nas últimas 48 horas incrementaron a capacidade dos seus servidores un 120%, o que conseguiu reducir drasticamente as incidencias, aínda que sen chegar arranxar a situación totalmente, agardando que durante a fin de semana poidan completar tal meta, para que os usuarios que merquen o xogo poidan gozar da experiencia de construír as súas propias cidades no seu PC.

Lucy Bradshaw anunciou que compensarán os fallos en SimCity regalando aos seus usuarios un xogo do catálogo de EA

En vista dos problemas causados, Bradshaw anunciou que o vindeiro día 18 os usuarios que padecesen os problemas destes días recibirán un correo electrónico cun cupón para descargar de balde un xogo de Electronic Arts como compensación.
Para evitar que os problemas vaian a máis, dende EA suspenderon a campaña promocional de SimCity, instando tamén aos seus afiliados a parar de promover o xogo activamente. Cando este grande lanzamento para PC funcione con normalidade é de agardar que se animen a promocionalo para conseguir mellorar as súas vendas, aínda que en vista da vaga de usuarios que recibiron no seu lanzamento non parece que vaia ser preciso que dean moito bombo ao xogo.

PUBLICIDADE