SkyDrive pasa a chamarse OneDrive

mércores, 19 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Tras anunciar o mes pasado que SkyDrive ía deixar de empregar a súa marca (por mor dunha causa xudicial iniciada pola canle televisiva Sky) finalmente o servizo de almacenamento na nube de Microsoft mudou o seu nome a OneDrive, tanto na súa versión web como nas súas aplicacións para dispositivos móbiles, e tras un certo tempo de espallamento internacional xa podemos acceder ao servizo baixo a marca OneDrive dende España, sen apenas cambios nas funcionalidades do servizo.
Unha das novidades que incorpora OneDrive é que, aparte dos 7 Gb de almacenamento que dá de balde aos novos usuarios (os usuarios máis veteranos reciben 25 Gb) é posible recibir ata 5 Gb adicionais convidando a amigos a empregar este servizo (a razón de 500 Mbytes por cada amigo que acepto o noso convite) e outros 3 Gb se empregamos a funcionalidade de copia de seguridade das fotografías da cámara do noso móbil. Tamén é posible contar con maiores capacidades de almacenamento mediante pagamento.
Para celebrar o lanzamento de OneDrive, Microsoft está a ofrecer 100 Gb de almacenamento de balde durante un ano ás 100.000 primeiras persoais que se dean de alta en OneDrive.


Vídeo de presentación de OneDrive

PUBLICIDADE