Smart GalApps facilita que as asociacións de negocios poidan ter aplicación móbil promocional de seu

martes, 2 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Ante a necesidade cada vez maior de conectar co público por parte do pequeno negocio, e buscando unha solución asumible, a compañía galega Smart GalApps estrea SmartPromo, unha plataforma que permite a asociacións e grupos de negocios crear a súa propia aplicación móbil promocional, para convidar aos seus clientes a descubrir os seus espazos, eventos, promocións e ofertas.
Esta solución facilita a creación dunha aplicación nativa para iOS e Android, que os usuarios poden descargar nos seus smartphones, e que os asociados da entidade que a contrata poderán administrar de xeito doado a través dun panel de control que permite tanto xestionar os contidos presentes na aplicación como consultar as estatísticas de uso, para poder analizar o comportamento e a resposta dos clientes, o que pode axudar a mellorar os negocios asociados.
As aplicacións móbiles creadas con SmartPromo permiten que tanto asociacións de hostalería, turismo, cultura, comercio, lecer... ou administracións públicas poidan crear unha comunidade social móbil de seu cos clientes e usuarios, e incluso é posible que os asociados poidan programar avisos aos seus clientes a través de notificacións push, incrementando a súa visibilidade.
Sabela Barreiro, directora creativa de Smart GalApps, comenta que “o obxectivo de SmartPromo é axudar ás asociacións a xerar novas fontes de ingresos a través deste produto móbil cuxas tarifas mensuais progresivas e sen permanencias se axustan a calquera tipo e tamaño de asociación”, como podemos ver na propia páxina web do servizo, na que podemos comprobar dinamicamente as tarifas mensuais que habería que aboar polo servizo en función do número de asociados, de xeito que o prezo por asociado reduciríase progresivamente en función do volume de subscritores da plataforma. Por exemplo, SmartPromo tería un prezo de 14,95 euros/asociado + IVE para unha asociación de 20 integrantes, mentres que para 100 asociados o prezo caería até 8,33 euros + IVE e, de chegar ao milleiro de asociados falariamos só dunha cota de 2,95 euros/asociado + IVE. A contratación do servizo carece de compromiso de permanencia a partires do primeiro mes.
SmartPromo conta cun deseño moi coidado e personalizable, carece de complicacións á hora de publicar as aplicacións móbiles na App Store e en Google Play (proceso do que se encarga Smart GalApps), goza dunha alta dispoñibilidade grazas ao uso dos servizos web de Amazon, fai uso da xeolocalización para axudarnos a situar no mapa os negocios que están ao noso redor e, aparte de facilitar o uso social dentro da aplicación, tamén fai doada a difusión de eventos a través das principais redes sociais (permite a vinculación das contas de usuario con Facebook e Twitter).
Actualmente é posible solicitar a proba de balde da versión de demostración de SmartPromo para iPhone, o que permítenos comprobar en primeira persoa as posibilidades desta plataforma de grande potencial nun momento no que o contorno móbil está a ser un dos grandes motores de promoción para un amplo abano de negocios.

Os contidos da aplicación móbil poden xestionarse a través dun cómodo panel de administración


Vídeo de presentación de SmartPromo

PUBLICIDADE