Só un 18% das empresas españolas están preparadas para o futuro

mércores, 1 de decembro do 2021 S. P.

Nada máis que un 18% das empresas do ámbito estatal están preparadas para o futuro. Así o certifica o estudo Fit for Future 2021, presentado este primeiro de decembro por Vodafone Business, unha investigación que pon de manifesto a necesidade de aplicar medidas urxentes, dende frontes institucionais pero tamén empresariais, para acelerar e espallar o proceso de transformación tecnolóxica e a adopción de ferramentas disruptivas (cadea de bloques, Big Data, Intelixencia Artificial, Internet das Cousas, etc).
A enquisa realizouse a 2.526 directivos de empresas de diferentes tamaños en 11 países diferentes e complementouse con 25 entrevistas en profundidade con líderes empresariais, investidores e xornalistas, ademais de contar co asesoramento da London School of Economics entre outros colaboradores para a obtención dos datos.
No informe dise que os negocios considerados “preparados para o futuro” (FTTF polas súas siglas en inglés) son aqueles que “están preparados para os desafíos emerxentes, teñen unha actitude positiva ante o cambio, están abertos ás novas tecnoloxías, teñen unha estratexia e unha folla de ruta clara cara á transformación e adáptanse ao cambio e ás tendencias”.
Como dixemos, o informe destaca que só o 18% das empresas españolas entrevistadas teñen un alicerce de abondo sólido como afrontar os grandes desafíos da nova economía. Con todo, o estudo sinala que as empresas españolas mostran un maior grao de optimismo cando son preguntadas por cuestións como o seu rendemento empresarial, coñecemento dos seus clientes ou o traballo híbrido, estando por diante da media global nos devanditos indicadores.
No informe destácase “a aposta pola dixitalización dos negocios en España”, xa que o 62% das firmas estatais consideradas “FFTF” ten unha folla de ruta dixital fronte ao 60% das empresas a nivel mundial. Así mesmo, o 64% destas empresas españolas está preparada para afrontar riscos fronte ao 58% das empresas a nivel mundial. Tamén se reflicte que o 61% das empresas españolas aceleraron os seus plans de transformación dixital por mor da pandemia fronte ao 55% global.
Por outro lado, as FFTF españolas afirman que o 77% dos seus clientes esperan poder interactuar coas marcas en calquera momento e lugar a través de servizos dixitais e o 69% das empresas cre que os seus clientes queren que actúen de forma ética e teñan unha postura clara en materia social.
A maiores, o 15% destas empresas españolas considera que “a sustentabilidade é absolutamente necesaria” fronte ao 21% das empresas a nivel mundial que están máis concienciadas nesta materia. Amais, o 32% das firmas estatais aumentará o seu gasto en ESG e RSC o próximo ano fronte ao 37% das empresas a nivel mundial.
O 85% das empresas españolas “FFTF” están satisfeitas coa adopción máis rápida de novas tecnoloxías fronte ao 76% das empresas a nivel mundial. Ademais, o 75% das mesmas mostra a súa satisfacción coa flexibilidade respecto ao lugar de traballo fronte ao 73% das empresas a nivel mundial.
No informe tamén se di que o 83% das firmas españolas “FFTF” móstranse “optimistas” sobre o rol da tecnoloxía na sociedade fronte ao 86% das empresas a nivel mundial. O 78% das mesmas están a tomar medidas para facer fronte a un mundo automatizado fronte ao 75% das empresas a nivel mundial. Tamén cabe destacar que o 73% das empresas “FFTF” cre que a tecnoloxía será beneficiosa para a seguridade laboral en cinco anos fronte ao 56% das empresas a nivel mundial.

PUBLICIDADE