Somos Criminais celebrará unha función a través da Rede

mércores, 20 de maio do 2020 Marcus Fernández

Tras trunfar en salas de toda Galicia, o espectáculo teatral Somos Criminais de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán vai facer historia o vindeiro 6 de xuño ás 22:30 horas, que serán cando poderá verse a través da Rede como un evento de pagamento por streaming, que preséntase como unha oportunidade única para ver na casa un espectáculo que esgotou billetes alí onde se estreou, e que nesta función única tamén terá un aforo limitado a 5.000 pantallas.
Para poder gozar de Somos Criminais en streaming é preciso mercar o billete virtual a través de Ataquilla.com a un prezo de 5,50 euros, o que dará dereito a ver a retransmisión do espectáculo nun único dispositivo (móbil, tableta, ordenador ou televisor conectado con acceso á Internet) durante a función que será puntual (quen inicie a reprodución tarde non poderá visualizar o espectáculo dende o comezo).
Deste xeito temos unha función que traslada á Rede a experiencia do teatro, pero cun formato lixeiramente diferente, mantendo o texto orixinal que puido verse nos escenarios galegos, pero incorporando bastantes detalles propios.
Esta iniciativa é moi interesante, non só por ser un grande exemplo de adaptación do espectáculo ás actuais condicións de seguridade por mor da crise sanitaria, senón que tamén será unha proba na que poderemos coñecer a receptividade do público a consumir espectáculos de pagamento a través de streaming.

PUBLICIDADE