Sonic Mania Plus sae á venda para PS4, Xbox One e Nintendo Switch

martes, 17 de xullo do 2018 Marcus Fernández

O pasado verán Sonic Mania rendía homenaxe aos primeiros xogos de Sonic, e hoxe chega ás tendas Sonic Mania Plus, que non é máis que a súa versión definitiva, incorporando un nostálxico estilo píxel e unha vertente de xogo principal de corte clásico con novas características, todo dentro dun coidado lote físico coleccionable no que o xogo chega nunha caixa holográfica e inclúe unha carátula reversible de SEGA Mega Drive e un libro de ilustracións de 32 páxinas.
No que se refire ao xogo en si, Sonic Mania Plus vén a ser Sonic Mania xunto co Encore DLC, ou sexa, o contido descargable que tamén se estreou hoxe e que inclúe o novo modo Bis para gozar dunha versión distinta das zonas orixinais, 2 personaxes novos con habilidades únicas (Mighty the Armadillo e Ray the Flying Squirrel, que sumarían un total de 5 personaxes xogables) e a posibilidade de enfrontar até a 4 xogadores no modo Competición estendido. Deste xeito, quen xa se fixera no seu día con Sonic Mania pode actualizar á versión definitiva do xogo a través dunha actualización á venda por 4,99 euros.
Sonic Mania Plus está á venda en versións para Xbox One, PlayStation 4 e Nintendo Switch a un prezo oficial de 29,99 euros, mentres que Sonic Mania está dispoñible en formato dixital por 19,99 euros, polo que de saída resulta máis económico facerse co xogo e a súa actualización antes que mercar a súa edición definitiva (algo pouco frecuente). En PC o xogo só está dispoñible en formato descargable.

Mighty the Armadillo e Ray the Flying Squirrel son 2 novos personaxes que se incorporan ao xogo, facendo un total de 5 personaxes xogables
O xogo en formato físico inclúe unha nova caixa, unha carátula reversible e un libro de ilustracións
A versión definitiva do xogo tamén incorpora un modo competitivo de até 4 xogadores

Tráiler de Sonic Mania Plus

PUBLICIDADE