Sonic Mania e Horizon Chase Turbo de balde para PC

venres, 25 de xuño do 2021 Marcus Fernández

A tenda de xogos descargables para PC de Epic Games continúa a agasallar xogos para atraer a usuarios a probar a súa plataforma, e até o vindeiro 1 de xullo está a ofrecer completamente de balde un par de xogos con aires retro máis que notables: Sonic Mania e Horizon Chase Turbo.
Sonic Mania é toda unha homenaxe aos primeiros xogos de Sonic, de xeito que adoptando unha estética clásica e mecánicas 2D permitiranos xogar ás zonas emblemáticas das primeiras entregas dos xogos do ourizo azul de SEGA, que moveranse a 60 imaxes por segundo, mantendo así o ritmo frenético destes xogos e ofrecendo a posibilidade de xogar con distintos personaxes.
Horizon Chase Turbo é un título moito máis modesto, dunha desenvolvedora independente, pero que será recibido con grande ledicia de moitos nostálxicos, xa que está inspirado en xogos de condución dos anos 80 e 90 como Out Run, Lotus Turbo Challenge, Top Gear ou Rush, procurando recrear a estética dos xogos de máquinas de 16 bits e contando tamén con música de Barry Leitch, compositor da música dos xogos de condución clásicos antes mencionados (agás de Out Run, que foi obra de Horishi Kawaguchi).
Un dos detalles máis salientables deste título é que permite modos multixogador a pantalla partida, de xeito que até 4 xogadores poderán competir simultaneamente, contando tamén cun modo competitivo en liña en modo fantasma para desafiar aos amigos a superar as nosas marcas.

Horizon Chase Turbo permite gozar de multixogador a pantalla partida

PUBLICIDADE