Sony Ericsson F305, pensado para xogar

martes, 17 de xuño do 2008 Marcus Fernández

O F305 permite xogar aos birlos grazas aos seus sensores de movemento

Sony Ericsson quere levar a diversión aos seu novos terminais de telefonía móbil, o que queda patente no F305 con Motion Gaming, un completo móbil orientado aos xogos, que parece querer emular o fenómeno da Wii co seu mando, pois reacciona aos movementos, o que se pode probar en tres xogos precargados no mesmo (birlos, pesca e jockey).
Para permitir o xogo intensivo o Sony Ericsson F305 conta cun accesorio que agradecerán moitos usuarios: unha batería de respaldo, para mellorar a autonomía de 8 horas de xogo (ou en conversa) do terminal.

O móbil tamén permite o uso de xogos tradicionais en modo horizontal

O móbil tamén inclúe unha cámara de 2 Mpíxeles, Bluetooth estéreo, reprodutor multimedia, radio FM, altofalantes estéreo, lector de tarxetas Memory Stick Micro (M2), botóns exclusivos para o xogo (incluíndo os cursores de dirección) e unha pantalla de 2 polgadas cunha resolución de 176 x 220 píxeles. Mide 96 x 47 x 14,6 milímetros e pesa 97,5 gramos.
Este móbil xa está a ser alcumado coma o PlayStation Phone e sería o primeiro da serie F (de fun, que significa diversión en inglés) aínda que non está a anunciarse tanto como a plataforma N-Gage de Nokia, pero podería ter atopado a chave para trunfar: os xogos. Para comezar, aparte dos 3 xogos incluídos neste terminal que se comezará a vender no 3º trimestre do ano, Gameloft está a desenvolver máis de 50 xogos en 2D e 3D para o novo dispositivo, o que garante un bo catálogo de xogos (mentres que a plataforma de Nokia conta con poucos títulos, aínda que bastante importantes).

PUBLICIDADE