Sony Ericsson actualiza os seus móbiles mini

xoves, 5 de maio do 2011 Marcus Fernández

Os móbiles con Android de Sony Ericsson están a ser un éxito, especialmente nos seus modelos de menor tamaño, e agora renóvanos de xeito que veñen de dar a coñecer o que serán o Sony Ericsson Xperia Mini e Xperia Mini Pro, que sitúanse na gama media de móbiles con Android (pola súa pantalla de reducido tamaño e contar cun procesador dun único núcleo) e diferéncianse principalmente porque o modelo Pro conta cun teclado físico QWERTY deslizante.
Ambos móbiles funcionan cun procesador Qualcomm Snapdragon a 1 GHz, 512 Gb de RAM, pantalla de 3 polgadas cunha resolución de 320 x 480 píxeles, batería de 1.200 mAh, cámara de 5 Mpíxeles con flash LED e gravación de vídeo en alta definición (o modelo Pro tamén conta cunha cámara frontal VGA para videochamadas) e lector de tarxetas microSD de ata 32 Gb (incluirán unha de 2 Gb). Funcionan cunha versión de Android 2.3 personalizada por Sony Ericsson, optimizada para a súa integración con redes sociais.
Ambos modelos chegarán ao mercado no terceiro trimestre do ano e o Mini medirá 88 x 52 x 16 milímetros, pesará 94 gramos e venderase en negro, branco e azul; mentres que o Mini Pro medirá 92 x 53 x 18 milímetros, pesará 136 gramos e venderase en branco, negro, turquesa e rosa.

O Xperia Mini Pro destaca polo seu teclado QWERTY

PUBLICIDADE