Sony amosa en Las Vegas o seu reprodutor musical de alta resolución

mércores, 7 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Despois do éxito do PonoPlayer en Kickstarter (atentando a toda lóxica) parece evidente que existe unha demanda de reprodutores de audio de alta resolución, e Sony presenta no CES de Las Vegas o novo Walkman NW-ZX2 que mellora nos niveis de calidade do audio con respecto aos seus predecesores e presenta un novo deseño de chasis ríxido que consegue unha calidade de son aínda maior. Este novo reprodutor permitiría reproducir cunha carga até 33 horas de reprodución de alta resolución (a 192 kHz e 24 bits), así como presentaría unha calidade de reprodución ultra alta a través dunha conexión Bluetooth ao emparellalo aos novos auriculares MDR-1ABT, características que esperan convencer ao público para pagar os 1.199 euros que custa este trebello.
O Sony Walkman NW-ZX2 mide 131,2 x 65,1 x 18,5 milímetros, pesa 235 gramos, ten unha pantalla de 4 polgadas cunha resolución de 854 x 480 píxeles, conta con 128 Gb de capacidade de almacenamento (ampliable mediante tarxetas microSDXC de até 128 Gb) e a súa batería que pode cargarse nunhas 4,5 horas podería achegar unha autonomía de até 60 horas se reproducimos música en MP3 a 128 Kbps.
Para convencer ao usuario o dispositivo presume de numerosas tecnoloxías como Hi-Res Audio, amplificador S-Master HX, motor de mellora de son dixital DSEE HX, transmisión sen fíos LDAC, reprodución DSD (Direct Stream Digital), tecnoloxías ClearAudio+ e Clear Bass, pantalla Triluminos con panel OptiContrast, son VPT (para crear unha sensación realista con auriculares) e Android 4.2.
Este tipo de trebellos prometen un mellor son grazas a que transmiten 3,2 veces máis información que un CD de música, sen mencionar o feito de que este incremento de calidade non sería perceptible para o ouvido humano (o que xa levou hai anos a que os formatos SACD e DVD-Audio fracasasen), como tamén aconteceu durante a campaña de micromecenado do PonoPlayer, produto que estes días está a materializarse co lanzamento da súa tenda en liña na que pode mercarse o reprodutor por 399 dólares (336,61 euros) e varios álbums en formato descargable a uns prezos escandalosos: por exemplo, o Led Zeppelin IV véndese por 27,49 dólares (cando en Google Play véndese a 13,49 dólares) e incluso discos máis recentes como o 1989 de Taylor Swift custa 19,79 dólares (fronte aos 12,49 dólares de Google Play).
Queda agora por ver se esta estratexia para intentar resucitar o mercado dos reprodutores musicais portátiles consegue convencer ao público, aínda que non parece probable que os consumidores vaian aceptar de bo grado por unha calidade sonora supostamente superior cando xa pasaron por distintos soportes físicos (o que crea un claro rexeitamento á adquisición de produtos culturais mercados con anterioridade).

PUBLICIDADE