Sony amosou as novidades que chegarán á PS4 dende Alemaña

mércores, 13 de agosto do 2014 Marcus Fernández

WiLD será o novo xogo do creador de Rayman para PS4

A Gamescom de Colonia está a ser aproveitada por Sony como plataforma para dar a coñecer algunhas das súas novidades antes da celebración do Tokyo Game Show (para cando normalmente reservan algunhas sorpresas de cara ao Nadal) e na presentación da pasada noite quixeron amosar o primeiro vídeo con gameplay de Bloodborne, novos vídeos de LittleBigPlanet 3, inFAMOUS First Light, Murasaki Baby e The Order 1886, así como realizar a presentación dunha serie de títulos moi interesantes.

Hellblade de Ninja Theory foi un dos principais anuncios de Sony na Gamescom

Entre as novas producións para consolas PlayStation estarían o xogo de terror interactivo Until Dawn (anunciado hai un par de anos para PS3, pero que finalmente veremos en PS4), o impactante WiLD (xogo do creador de Rayman e Beyond Good & Evil), The Tomorrow Children, o shooter de ciencia ficción Alienation e Tearaway Unfolded (que supón o salto da aventura de PS Vita á PS4).
Pero para moitos os pratos fortes da presentación de Sony foi o anuncio de Hellblade (xogo de acción de Ninja Theory, estudio detrás de Heavenly Sword e DmC), o anuncio do lanzamento do xogo de supervivencia Day Z para PlayStation 4 e a presentación do xogo de acción Hollowpoint de Ruffian Games.
Aparte dos xogos, aproveitouse a ocasión para confirmar que a PlayStation 4 superou os 10 millóns de unidades vendidas en todo o mundo, anunciar que o 14 de novembro teremos PlayStation TV en Europa e detallouse que a actualización do firmware da PS4 á versión 2.00 incluirá o agardado Share Play (unha especie de sofá virtual que permitirá que convidemos a un amigo a unirse a unha partida nosa aínda que el non teña o título ao que estamos a xogar, permitíndolle así botarnos unha man para superar un xogo que se nos resiste) e outras novidades de cara á emisión e compartición de vídeos, así como unha aplicación para YouTube, aínda que teremos que agardar ao outono para recibir estas novas características.


Conferencia íntegra de Sony na Gamescom

PUBLICIDADE