Sony anuncia oficialmente a súa cámara deportiva

mércores, 29 de agosto do 2012 Marcus Fernández

A primeiros de verán Sony anunciou que ía pór á venda no outono unha nova videocámara deportiva na liña das populares GoPro, e finalmente detallan o que serán tal dispositivo, e promete ser todo un éxito en vista das súas prestacións, pois a Sony Action Cam (HDR-AS15) é unha lixeira cámara (pesa só 90 gramos) de pequeno tamaño que pode vestirse durante a práctica deportiva para rexistrar en alta definición dende os nosos paseos en bicicleta ata a práctica de esquí sen que a integridade do dispositivo perigue.
A cámara pode engancharse ao casco da bicicleta ou a unha táboa de surf (para o que precisaría dunha carcasa resistente á auga) e así poder gravar as nosas actividades deportivos cun grande angular e un estabilizador de imaxe que faciliten que ao regresar á casa podamos repasar a nosa experiencia dun xeito moi inmersivo. A cámara conta con varios modos de gravación, que van dende o vídeo a Full HD a 30 imaxes por segundo ata resolución VGA para gravacións de longa duración. Tamén conta con modos de cámara lenta (4x e 2x) que resultan especialmente interesantes se rexistramos actividades como o golf ou o skate.
A Sony Action Cam grava en tarxetas de memoria M2 e microSD/SDHC e incorpora conectividade Wi-Fi, o que facilita, entre outras cousas, o control remoto da cámara dende un smartphone (Android ou iOS).

As cámaras deportivas están preparadas para funcionar en condicións extremas
A Sony Action Cam é ideal para gravar sesións de esquí

PUBLICIDADE