Sony confirmou o lanzamento da PSP Go e presentou un mando con control de movemento

martes, 2 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Kaz Hirai anunciou a PSP Go sacándoa do peto da súa chaqueta, para demostrar que ten un tamaño reducidoPouco despois da decepcionante conferencia de Nintendo no E3 chegou a quenda de Sony para dar a coñecer as novidades que preparar a compañía nipona para os vindeiros meses, o que en boa medida quedou ensombrecido polo feito de que os detalles relativos á PSP Go filtráranse os pasados días, polo que a presentación simplemente serviu para confirmar o lanzamento da nova consola portátil de Sony (que sairá o 1 de outubro a 249 euros) e o anuncio de que contará con xogos coma Gran Turismo, Assassin’s Creed: Bloodlines, Metal Gear Solid: Peace Walker (que será unha historia ambientada 10 anos despois do Metal Gear Solid 3: Snake Eater, no que Hideo Kojima definiu coma o «elo perdido»), Resident Evil Portable e moitos outros títulos (dos que boa parte poderían demorarse ata 2010) entre os que tampouco faltaría un LittleBigPlanet.
Xa para PS3 amosaron impresionantes imaxes do Uncharted 2: Among Thieves e deron detalles de MAG, un xogo que permitirá competir en liña ata a 256 xogadores (algo sen precedentes nas consolas de videoxogos, aínda que para os usuarios de PC non é ningunha novidade).

JPEG - 23.7 KB
Agent será un xogo de Rockstar exclusivo para PS3

Amosáronse vídeos con anuncios de moitos dos xogos para PS3 que levan meses anunciados, pero o máis importante para moitos foi o feito de que Sony foi capaz de conseguir certos xogos en exclusiva cos que compensar a forza da Xbox 360 (que estaba a arrebatarlle moitos títulos) coma será Agent (xogo de espionaxe ambientado nos anos 70 e desenvolvido por Rockstar North), o agardado God of War III (que finalmente chegará en marzo de 2010) e incluso sorprendeu o anuncio dun Final Fantasy IV, do que non se coñecía nada e que tamén chegaría en 2010 (aínda que hai sospeitas de que poida ser un xogo multiusuario en liña, pois o lanzamento de 2 grandes Final Fantasy no mesmo ano parece complicado).
Os asistentes tamén puideron ver un vídeo do Project Trico (semellante ao que filtrárase hai uns días) no que xa se presentan detalles pulidos do xogo que oficialmente responderá ao nome de The Last Guardian, e que ten toda a pinta de recuperar o espírito de ICO e Shadow of the Colossus.

JPEG - 31.3 KB
Presentaron as posibilidades do PlayStation 3 Motion Controller durante a conferencia no E3

Pero o máis relevante da xornada foi a presentación do PlayStation 3 Motion Controller, un dispositivo que sería moi semellante ao Wiimote co Wii MotionPlus combinado cunha webcam, de xeito que aparte de ter unha detección de movementos 1x1, tamén podería representar virtualmente o mando en pantalla coma se fose unha raqueta de tenis, unha espada, unha pistola… case calquera cousa que poida inserirse no vídeo que capte a cámara da PS3. Estes mandos poden utilizarse de dous en dous para permitir un sistema de xogo moi semellante ao da consola de Nintendo, polo que resulta difícil consideralo coma algo orixinal, aínda que na súa defensa podemos dicir que a súa presentación foi unha demostración real, e non un vídeo (o que dende Sony comentaron dun xeito que deu a entender que lanzaban unha indirecta a Microsoft polo seu Proxecto Natal), polo que a sensación que se percibiu do potencial deste dispositivo foi moi boa. Agárdase a súa comercialización para primavera de 2010, o que podería supor unha ameaza para a Wii de Nintendo, aínda que non parece que iso vaia acontecer a curto prazo.
Aínda que o novo mando para a PS3 pareza un plaxio do Wiimote, hai que recoñecer que podería abrir moitas posibilidades á consola de Sony, coma o feito de permitir a conversión eficaz de xogos de PC controlados co rato a un contorno máis propio de videoconsolas.


O PlayStation 3 Motion Controller achega o control de movementos á PS3

PUBLICIDADE