Sony encolle o seu Z1 e sube ao carro dos monitores de actividade

martes, 7 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Sony aproveitou o CES de Las Vegas para revisar o seu smartphone insignia, vendo a luz o Sony Xperia Z1 compact, revisión do célebre Z1 que optar por unha pantalla de 4,3 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles (en vez das 5 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles do terminal de referencia). O novo dispositivo chegará en catro cores (branco, negro, rosa e verde), continúa a apostar pola resistencia á auga e ao po como factor diferencial, mantén a súa excelente cámara cun sensor Expor RS de 20,7 Mpíxeles, conta con NFC para facilitar o emparellamento con accesorios e incluso presume dunha magnífica autonomía grazas a unha batería de 2.300 mAh (que pode chegar a triplicar a súa duración grazas ao modo STAMINA).
Outras características técnicas a destacar serían o seu procesador de catro núcleos a 2,2 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD) e Android 4.3. O seu grosor é de só 9,5 milímetros e pesa 137 gramos.


Vídeo promocional do Sony XPERIA Z1 compact

Sony SmartWear

Pero Sony non só quere que levemos sempre enriba o noso smartphone, senón que tamén quere sumarse á moda dos cuantificadores de actividade, no que dan en chamar SmartWear, e que comeza cun accesorio que podemos levar no pulso e que rexistra a nosa actividade física diaria para que poidamos revisala dende unha aplicación para Android (Lifelog) que facilita o repaso das nosas camiñadas, dos paseos en bicicleta ou mesmo das nosas pautas de sono.
A Sony SmartBand SWR10 é o primeiro SmartWear de Sony, e está composto por unha peza central desmontable e unha correa cómoda e elegante, da que existen numerosas cores, facilitando a súa personalización. Conta con indicadores LED para saber cando está activo, pode sincronizarse co noso smartphone e incluso pode realizar funcións de control multimedia (reproducir, pausar e saltar canción) mentres escoitamos música dende o móbil.


Vídeo de presentación da Sony SmartBand SWR10

PUBLICIDADE