Sony engade pantalla táctil óptica aos seus eReaders
mércores, 1 de setembro do 2010
Aínda que dende
Sony non queren entrar nunha guerra de prezos cos seus lectores de libros
electrónicos, iso non impide que renoven tal liña de produtos, de xeito que en
vez de reducir os seus prezos de xeito significativo optaron por mellorar as
súas prestacións, co que agora temos eReaders
máis delgados, rápidos e con pantalla táctil óptica (con tecnoloxía
anti-reflexos) en todos os modelos.
A distribución internacional de modelos coma o Reader Touch e o Pocket Editions
tamén mellora, chegando finalmente de xeito oficial a Italia, Australia, Xapón
e España.
Os novos lectores de e-books empregan as novas pantallas de E Ink, que melloran
o seu nivel de contraste, o que facilita a súa lectura baixo o sol, continuando
a presentar 16 niveis de gris.
O Reader Pocket Edition é o modelo básico de Sony, cunha capacidade de
almacenamento de 2 Gb (que permite cargar uns 1.200 libros) e un prezo de só
179 dólares, seguido polo Reader Touch Edition, que aparte de 2 Gb de memoria
interna tamén conta con fendas de expansión para tarxetas de memoria de ata 32
Gb e a capacidade de reproducir audio en MP3 e AAC (ten un prezo de 229
dólares). E coma guinda, o Reader Daily Edition achega conectividade sen fíos
(tanto 3G coma Wi-Fi), navegación web básica, pantalla de 7 polgadas, 2 Gb de
memoria interna ampliable mediante tarxetas de ata 32 Gb e un prezo de 299
dólares.