Sony lanzará en setembro unha nova PSP máis pequena e con maior memoria
venres, 13 de xullo do 2007
A loita por non quedar fóra do mercado das consolas semella non ter fin, e trala presentación da Playstation3, Sony está a piques de presentar a nova versión da PSP co fin de tentar recuperar o espazo perdido fronte a Nintendo DS -unidade que xa lidera no mercado cas 40 millóns de unidades vendidas, un 60% máis cas que vendeu a PSP.
O lanzamento desta nova versión da consola portátil tería lugar en Norteamérica, no mes de setembro, e se ben a compañía non da maiores precisións dos datos técnicos da nova maquina de xogos, adiantou que sería un 33% máis lixeira, e un 19% mais fina cá antiga PSP.
A empresa deixa claro en todo momento que, contrariamente ó ruxerruxe que mencionaba o lanzamento dun equipo moito máis poderoso, a nova PSP será unha versión da anterior adaptada os novos requirimentos dos usuarios en materia de lecer portátil, e que a súa memoria flash espallarase ate os 8 xigas.
En canto a súa aparencia, non varía moito respecto da anterior, e manterá as dimensións da súa pantalla, característica moi apreciada polos usuarios.
O prezo do novo “xoguete” da Sony para os Estados Unidos será de 170 dólares (123.28 euros). Aínda non hai custo nin data de lanzamento prevista para Europa.