Sony levanta cabeza cos seus Xperia XZ2 e XZ2 Compact

luns, 26 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos anos Sony quedou totalmente fóra de xogo entre os fabricantes de smartphones a nivel mundial, pero parecen querer recuperar posicións, e así temos un par de novos teléfonos no seu catálogo bastante interesantes: o Xperia XZ2 e o Xperia XZ2 Compact.
O Sony Xperia XZ2 é o novo teléfono insignia do fabricante xaponés, que conta cunha pantalla Full HD+ de 5,7 polgadas con HDR e unha relación de aspecto de 18:9, que integra tecnoloxía propia dos televisores BRAVIA para ofrecer imaxes de grande calidade. Tamén conta con altofalantes estéreo frontais que buscan mellorar a experiencia audiovisual a través dun sistema de vibración dinámica que transmitirá a acción dun xeito háptico, aínda que tampouco descoida o son sen fíos, para o que conta con son de alta resolución que incluso pode aproveitarse coa tecnoloxía LDAC de Bluetooth mellorado, para poder así gozar dun son máis fiel en altofalantes e auriculares Bluetooth.
A cámara Motion Eye permite gravar vídeo 4K con HDR, rexistrando así un grande nivel de contraste, detalles e cores, que poderemos apreciar se temos un televisor con HDR; e tamén permite gravar vídeo en cámara super lenta de até 960 fotogramas por segundo en Full HD.
O teléfono tamén inclúe a aplicación 3D Creator, capaz de realizar escaneos en 3D, o que non se limita a permitir crear modelos 3D de obxectos e caras de amigos, senón que tamén permite construír un modelo 3D coa cámara frontal, facendo posibles selfies en 3D, que logo poderán compartirse, por exemplo, en Facebook.
Este teléfono está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 845 cun modem LTE X20, de xeito que consegue velocidades de até 1,2 Gbps tirando proveito da segunda xeración de LTE Gigabit. A súa batería de 3.180 mAh promete aguantar todo o día sen problema grazas a distintos modos de xestión de enerxía, e incluso conta con carga sen fíos. Tamén conta con resistencia á auga.

O modelo compacto

O Sony Xperia XZ2 Compact pola súa banda opta por unha pantalla Full HD+ con HDR de só 5 polgadas, mantendo un procesador Snapdragon 845, gravación en cámara super lenta, altofalantes estéreo e resistencia á auga, de xeito que desta volta un móbil pequeno non significa que teñamos un mal teléfono, senón que simplemente reduce o seu tamaño ao máximo para unha maior comodidade.
O que si perde o dispositivo polo seu reducido tamaño é a carga sen fíos e parte da capacidade da súa batería (que confórmase con 2.870 mAh).
Ambos teléfonos estarán dispoñibles no mes de marzo e chegarán ao mercado con Android 8.0.

Vídeo de presentación do Sony Xperia XZ2

PUBLICIDADE