Sony pon á venda unha pantalla que permite ver en 3D sen lentes

venres, 16 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Coa vista posta nos creadores Sony pon á venda a súa nova Spatial Reality Display, unha pantalla que fai uso da tecnoloxía ELFD de Sony que permite que os profesionais do deseño, os efectos visuais ou de calquera outra ámbito da creación tridimensional poidan ver os seus deseños coma se fosen reais sen ter que empregar cascos de realidade virtual ou lentes 3D.
Esta pantalla ofrece unha experiencia de visualización 3D sen lentes especiais, para o que conta cun sensor de visión que segue os ollos do usuario para reaccionar á súa posición no espazo para así xerar unha imaxe que permita percibir un contorno tridimensional realista dende calquera ángulo.
Esta pantalla de 15,6 polgadas é compatible con ferramentas estándar como Unity e Unreal Engine, de xeito que resulta doado o seu aproveitamento para xogos, realidade virtual ou para traballos de deseño industrial. A previsualización dos modelos 3D nunha pantalla deste tipo pode axilizar extraordinariamente os fluxos de traballo, deixando claro o seu prezo de 4.999,99 dólares que estamos ante un produto para un mercado profesional que realmente poidan sacar rendemento dun hardware tan revolucionario.
A Spatial Reality Display ten unha resolución de 3.840 x 2.160 píxeles, un brillo de 500 nits e a unha distancia de entre 30 e 75 centímetros permite ángulos de visión de 25 graos laterais, 20 graos cara arriba e 40 graos cara abaixo.

Vídeo promocional da nova pantalla de Sony

PUBLICIDADE