Sony presenta a primeira cámara full-frame sen espello cun sensor de 61 Mpíxeles

martes, 16 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos anos Sony conseguiu colocarse en cabeza no sector das cámaras full-frame sen espello con obxectivos intercambiables, de xeito que as Sony Alpha 7 convertéronse no grande referente, chegando incluso a ser un grande reclamo para que moitos abandonasen marcas como Canon e Nikon, e tras tres xeracións destas cámaras chegou a hora de escribir un novo capítulo, para o que temos agora a Sony Alpha 7R IV, unha cámara que abraia co primeiro sensor de imaxe de fotograma completo retroiluminado de 61 Mpíxeles do mundo.
Esta nova cámara (modelo ILCE-7RM4) da serie Alpha 7R (centrada na resolución fotográfica) convértese na cámara de fotograma completo de maior resolución de Sony até o momento, conservando un amplo rango dinámico, un enfoque extraordinario, disparos en serie de alta velocidade e moito máis.
A Alpha 7R IV tamén inclúe o visor de maior resolución equipado nunha cámara (o visor electrónico UXGA OLED Tru-finder ten 5,76 millóns de puntos, o que sería 1,6 veces a resolución do visor da Alpha 7R III) que pode axustar a súa frecuencia de actualización a 60 ou 120 imaxes por segundo para que se axuste mellor ao suxeito e ás condicións de captura.
Unha funcionalidade interesante que incorpora a cámara é Pixel Shift, que permite compor até 16 imaxes de resolución completa con axuda da aplicación de escritorio Imaging Edge, que é capaz de crear imaxes de 240,8 Mpíxeles, co que pretende servir para fotografar arquitectura, arte ou bodegóns cun nivel de detalle impresionante.
A cámara Sony Alpha 7R IV tamén conserva o atractivo Eye AF en tempo real, sistema de enfoque baseado en intelixencia artificial que é capaz de bloquear o foto da cámara no ollo do suxeito a fotografar (sexa persoa ou animal) o que é unha magnífica axuda para conseguir imaxes nítidas.
A conectividade da nova cámara tamén é moi boa e, aparte de comunicacións sen fíos nas bandas de 2,4 e 5 GHz, tamén conta con USB-C para unha transmisión de datos por cable extremadamente rápida. A aplicación Imaging Edge tamén permite transferir datos mediante FTP en segundo plano mentres se continúan a capturar e revisar as imaxes, facilitando así o fluxo de traballo dos profesionais. A devandita aplicación de escritorio tamén conta coa función Remote que facilita o control remoto da cámara e a supervisión de capturas en directo na pantalla do PC.
E aínda que non estamos ante unha cámara orientada á gravación de vídeo, a A7R IV non esquece a gravación de vídeo en 4K e incluso permite gozar do Eye AF durante a gravación de vídeo, toda unha primicia nas cámaras de Sony que resultará moi práctica ao gravar a persoas.
A Sony A7R IV chegará ao mercado no mes de agosto a un prezo aproximado de 4.000 euros.

Vídeo de presentación da Sony Alpha 7R IV

PUBLICIDADE