Sony presenta novas cámaras compactas con capacidade 3D
xoves, 8 de xullo do 2010
A aposta de Sony polas 3D que fai nos televisores e na PS3 chega agora ás
cámaras dixitais, dun xeito un tanto distinto ao que estamos afeitos, de xeito
que as
novas Sony TX9 e WX5 presentan un modo de toma de fotografías 3D que logo poderán
verse nun televisor compatible pese a que as cámaras non teñen dúas lentes,
senón que o usuario deberá mover horizontalmente a cámara para que esta
rexistre unha ráfaga de 15 imaxes do que queremos retratar para darlle logo
volume, o que Sony chama Sweet Multi
Angle.
Estas cámaras compactas contan cun sistema avanzado de redución de ruído
mediante sensores Exmor R e tamén incorporan BackGround Defocus (solución de
redución da profundidade de campo que busca un certo achegamento ás cámaras
réflex).
No tocante á gravación de vídeo, as novas cámaras soportan Full HD e contan con
estabilizador de imaxe SteadyShot. Ambas cámaras teñen 12,2 Mpíxeles, mentres
que se diferencian principalmente na súa pantalla (a TX9 ten unha de 3,2
polgadas fronte ás 2,8 polgadas da WX5) e no zoom (4x a TX9 e 5x a WX5).
Agárdase que cheguen ao mercado a mediados de setembro, e polo momento coñécense
os seus prezos no Xapón, que serán de 35.000 iens (312,90 euros) para a Sony
WX5 e 45.000 iens (402,30 euros) para a Sony TX9.