Sony presenta novas cámaras dixitais

mércores, 12 de setembro do 2012 Marcus Fernández

JPEG - 44.7 KB
A Sony NEX-6 é unha cámara sen espello de tamaño bastante reducido e con conectividade Wi-Fi

As novas cámaras de Sony, das que se filtraran numerosas prestacións nos últimos días, presentáronse oficialmente e xa figura na páxina web do fabricante nipón, onde debuxan o que podería dicirse que é unha tendencia imperante na fotografía dixital: cámaras de alta calidade, cada vez máis compactas e con avances técnicos notables.
Por unha banda temos a Sony NEX-6, que é a nova cámara sen espello de Sony, de xeito que goza dun sensor CMOS Exmor APS HD de 16,1 Mpíxeles cun procesador de imaxe Bionz, sistema de enfoque Fast Hybrid AF e lentes intercambiables, que gaña aínda máis atractivo se temos en conta que posúe un visor OLED XGA, unha pantalla LCD Xtra Fine de 3 polgadas que pode xirarse 90 graos e incluso conectividade Wi-Fi, o que facilita a súa comunicación con dispositivos móbiles e con outros equipos mediante DLNA. O seu lanzamento está previsto para o 16 de novembro a un prezo de 849,99 dólares só o corpo e 999,99 dólares cun obxectivo 16-50 mm.

JPEG - 90.2 KB
A Sony RX1 sorprende por ser unha cámara compacta cun sensor de tamaño completo

Por outro lado demos que se confirma tamén a Sony RX1, unha cámara compacta que conta cun sensor de tamaño completo de 24,3 Mpíxeles que pode medirse coa meirande parte das cámaras réflex do mercado cun tamaño moi inferior (factor realmente rechamante deste dispositivo), contando tamén cun sistema de enfoque en 25 puntos, poder disparar fotografías RAW, gravar vídeo a 1.080p a 60 imaxes por seguindo, contar cunha pantalla LCD de 3 polgadas e unha zapata para accesorios. Porase á venda o 19 de decembro a un prezo de 2.799,99 dólares.

JPEG - 48.6 KB
A Sony RX1 consegue levar a unha compacta a calidade dunha réflex, aínda que a un prezo moi elevado inicialmente
JPEG - 46.9 KB
Pola súa banda a Sony NEX-6 pode presumir de contar con conectividade sen fíos

PUBLICIDADE