Sony presenta novos auriculares sen fíos con cancelación de ruído

xoves, 7 de maio do 2020 Marcus Fernández

O éxito dos auriculares sen fíos leva a Sony a ampliar a súa gama, e presentan os novos WF-SP800N, que coa súa protección IP55 son aptos para a práctica deportiva (xa que soportan po e suor), para o que tamén contan cun arco acolchado suave e un deseño curvo tridimensional para un axuste seguro e cómodo.
Grazas ao seu estoxo de carga estes novos auriculares conseguen unha autonomía de até 18 horas de reprodución musical coa cancelación de ruído activada ou até 26 horas sen a cancelación activa. Amais, en só 10 minutos de carga rápida poden conseguir autonomía para 60 minutos de reprodución musical.
Aínda que a cancelación de ruído é un dos grandes reclamos destes auriculares, tamén presumen de EXTRA BASS (que achega un son ponte e uns graves intensos), 360 Reality Audio e incluso ecualización a través unha aplicación móbil, coa que tamén pode configurarse o modo Ambient Sound, que permite controlar a cantidade de ruído que quere deixarse pasar durante a reprodución musical.
O control da reprodución pode facerse mediante toques nos auriculares, e cando se retira un dos auriculares a reprodución musical parará até que volva colocarse. Os auriculares WF-SP800N tamén contan con funcionalidade de chamada en mans libres, a posibilidade de invocar a asistentes de voz (son compatibles co Asistente de Google, Amazon Alexa e Siri) e a posibilidade de empregar un único auricular. Chegarán ao mercado no mes de xullo a un prezo que estará no contorno dos 200 euros (50 euros máis baratos que o prezo de lanzamento dos WF-1000XM3).

Os novos auriculares sen fíos de Sony están optimizados para a práctica deportiva

Vídeo promocional dos auriculares WF-SP800N

PUBLICIDADE