Sony presenta novos proxectores de vídeo 4K

xoves, 7 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que a ultra alta definición xa é algo que está normalizado nos televisores domésticos, nos proxectores de vídeo continúa a ser todo un luxo, que por sorte cada vez é máis asumible, e unha das compañías que comeza a baixar a barreira de entrada é Sony ao incorporar ao seu catálogo o proxector VPL-VW285ES, que é capaz de xerar unha imaxe de 4.096 x 2.160 píxeles cunha diagonal de até 200 polgadas, soportando incluso HDR, conseguindo así unhas imaxes incribles a un prezo que pese a ser bastante elevado (4.999,99 dólares) está bastante por debaixo do que tiña establecido a compañía xaponesa como mínimo (aínda que moi lonxe dos prezos bastante máis asumibles de Optoma).
Este novo proxector incluso podería empregarse para videoxogos, xa que é capaz de amosar contido 4K con HDR a 60 imaxes por segundo, a súa lámpada de 225 watts ten unha vida de até 6.000 horas e o seu brillo pode chegar até os 1.500 lumenes.
Os usuarios máis esixentes poderían optar polo modelo inmediatamente superior, o VPL-VW385ES, que tamén soporta 4K con HDR, pero mellora as imaxes ao contar cunha relación de contraste dinámico de 200.000:1 e iris avanzado en cada escena, conseguindo maiores detalles, realismo e profundade de cor, detalles que para algúns xustificarán o seu notable incremento de prezo (pois chega ao 7.999,99 dólares).
Pero o grande salto de calidade prodúcese cando chegamos ao proxector VPL-VW885ES, pois desta volta estariamos ante un proxector láser de 2.000 lumenes, cunha lámpada que pode durar até 20.000 horas e que incorpora numerosas funcións avanzadas para mellorar a imaxe. Por desgraza estas melloras técnicas teñen unha impactante repercusión no prezo, que é de 24.999,99 dólares, deixando claro que os proxectores láser 4K aínda son un luxo fóra do alcance das instalacións domésticas.

Vídeo de presentación do proxector VPL-VW285ES

PUBLICIDADE