Sony presenta un pico-proxector deseñado para a PS4

venres, 7 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Ao parecer Sony viría de presentar ante os medios un novo accesorio para a súa PlayStation 4 que consistiría nun pico-proxector que sairía á venda en outubro, e que contaría cunha estética acorde coa consola doméstica, facilitando o seu uso lonxe do televisor (o que non deixa de resultar algo curioso, xa que a consola precisa dunha toma de corrente para funcionar).
O pico-proxector de Sony empregaría tecnoloxía láser, contaría con modos de enfoque automático e enfoque libre, podería proxectar unha pantalla de até 120 polgadas a unha distancia de 3,6 metros, a súa resolución sería de 1.920 x 720 píxeles (o que sería unha importante mellora fronte a dispositivos semellantes) pero o seu brillo sería de só 32 lúmenes. Contaría con conexión HDMI/MHL, permitiría recibir vídeo por streaming a través de Wi-Fi, contaría cunha batería interna de 3.000 mAh (suficiente para até 2 horas de uso), integraría un altofalante interno e como referencia do seu tamaño comentan que sería como xuntar dous teléfonos Sony Xperia.
Ten toda a pinta de que estamos a falar da tecnoloxía de proxección da que Sony deu conta o ano pasado, e que resultaría interesante por poder proxectar en alta definición dende un dispositivo moi compacto.

Sony presenta o novo pico-proxector como deseñado para o seu uso coa PS4