Sony presenta un receptor de radio que pode cargar o móbil mediante manivela

martes, 18 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Para aventureiros e persoas que queiran cargar a batería do seu móbil en practicamente calquera lugar, Sony porá á venda o 20 de xuño un curioso receptor de radio FM/AM que integra unha lanterna e unha manivela, de xeito que pode funcionar con enerxía mecánica, aproveitándoa para alimentarse e para poder cargar dispositivos que lle conectemos por USB.
Este dispositivo chegará ao mercado en 2 modelos distintos: o ICF-B08, que conta cunha carcasa de cor prata, é resistente a salpicaduras, integra unha batería recargable de 700 mAh (aínda que tamén pode funcionar cunha toma de corrente continua de 3 voltios) e terá un prezo de 7.000 iens (54,79 euros); e o ICF-B88, dispoñible con carcasas de cor branca ou laranxa, cunha batería recargable de 900 mAh (podendo funcionar tamén con dúas baterías AA), un panel solar para mellorar a súa versatilidade e un prezo de 8.000 iens (62,62 euros).

JPEG - 44.3 KB
O novo receptor de radio de Sony pode cargar a súa batería (e dispositivos USB) valéndose dunha manivela

PUBLICIDADE