Sony presenta unha das mellores cámaras compactas do mercado

xoves, 27 de xuño do 2013 Marcus Fernández

A mediados do mes que vén Sony vai pór á venda en Europa unha nova cámara dixital compacta ideal para os que queren captar boas fotografías en case calquera lugar sen ter que ir cargado cunha cámara de grande tamaño e sen conformarse coa calidade que conseguen actualmente as cámaras dos smartphones. Temos así a Cyber-shot RX100 II, que presume dunha calidade semellante a moitas cámaras réflex e cun nivel de control moi superior ao de outras cámaras compactas.
Esta nova cámara conta cun sensor CMOS retroiluminado e unha lente Carl Zeiss Vario-Sonnar T de f1.8, prestacións que permítenlle tomar nítidas fotografías e gravar vídeo Full HD en numerosas situacións (que van dende paisaxes nocturnas ata festas). Está dotada tanto de Wi-Fi como de NFC, o que facilita a súa comunicación con dispositivos como smartphones, para poder transferir rapidamente as súas fotografías e vídeos a un dispositivo conectado e así poidan compartirse rapidamente co mundo.
A Sony Cyber-shot RX100 II ten un sensor de 20,2 Mpíxeles efectivos, zoom óptico de 3,6x, pantalla TFT abatible de 3 polgadas (4:3), estabilizador óptico de imaxe, ISO de entre 160 e 25.600, modo de disparo rápido de 10 imaxes por segundo (e de 2,5 imaxes por segundo con enfoque automático), gravación de vídeo Full HD de ata 50 e 60 fotogramas por segundo en modo progresivo, un tamaño de 101,6 x 58,1 x 38,3 milímetros e un peso (con batería e tarxeta de memoria) de 281 gramos.

A nova cámara de Sony consegue levar unha grande calidade fotográfica a un formato moi compacto

PUBLICIDADE