Sony renova as súas cámaras deportivas

venres, 1 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Os fabricantes néganse a deixar que GoPro acapare o sector das cámaras deportivas, e cada vez lanzan dispositivos nesa liña máis capaces tecnicamente e cunha mellor relación calidade-prezo, como a nova Action Cam POV de Sony, o modelo AS20, que chega hoxe ao mercado norteamericano a un prezo de 199,99 dólares (148,94 euros), prezo polo que normalmente teriamos unha cámara relativamente básica, e que neste caso conta con Wi-Fi, NFC, audio estéreo, estabilización de imaxe, gravación Full HD (ou 720p a cámara lenta) e unha boa autonomía.

A cámara de Sony inclúe unha carcasa somerxible

Esta nova cámara integra tecnoloxía de estabilización electrónica de imaxe SteadyShot para que os movementos bruscos e as vibracións non estraguen as gravacións de vídeo (de xeito que podemos ter un vídeo agradable de ver dun percorrido en bicicleta ou facendo esquí); o sensor Exmor R CMOS permite rexistrar bos vídeos Full HD e boas fotografías, gravando os vídeos até 28 Mbps (conseguindo unha boa calidade); a súa batería consegue que poidamos empregar a cámara até 150 minutos seguidos); inclúe unha funda para protexer a cámara da auga e unha base de montaxe adhesiva; e tamén está dispoñible un mando a distancia que permite controlar as gravacións e ver a imaxe rexistrada coa cámara en tempo real (á venda por 149,99 dólares).

PUBLICIDADE